Sunday 08 de September de 2024

Avanzan as obras de mellora en varios viais do entorno do Campo de Fútbol de Perlío


Conflúen na zona dúas actuacións complementarias de mellora de viais, que afectan aos camiños Castro, Beiramar, Loira e Carballás, no entorno do Campo de Fútbol de Perlío.

O Concello de Fene iniciou as obras de mellora de varios viais municipais, co obxectivo de mellorar a seguridade e accesibilidade na contorna do Campo de Fútbol de Perlío, cun investimento de máis de 305.000 €. Conflúen na zona no tempo dúas actuacións complementarias previstas pola área de obras, unha e de mellora do Campo de Fútbol de Perlío e camiños de Loira e Carballás, e outra de mellora dos camiños Castro e Beiramar.

O concelleiro de Obras, Manuel Polo, realizou esta mañá unha visita á zona para supervisar o desenvolvemento dos primeiros traballos e avaliar a súa importancia para a veciñanza do lugar.

Nos camiños de Loira e Carballás, así como no entorno do Campo de Fútbol de Perlío, levaranse a cabo traballos de perfilado e refinado dos bordes exteriores, cunetas e pasos salvacunetas, para aplicar posteriormente unha capa de rodaxe en boa parte do trazado, no que o paso do tempo provocou a erosión co consecuente mal estado actual do firme.

Nos camiños Castro e Beiramar procedeuse á substitución das redes de saneamento e abastecemento, para posteriormente realizar unha pavimentación en formigón para uso peonil, que se completará co asfaltado e posterior pintado das marcas de sinalización viaria correspondentes.

Para Polo, estas actuacións “son esenciais para garantir a seguridade e comodidade da veciñanza destes camiños”, e asegurou que “a mellora do pavimento e a renovación dos sistemas de saneamento contribuirán a facilitar o tránsito de persoas e vehículos ao tempo que eliminarán as deficiencias que viñan provocando roturas constantes nas redes municipais”.

O concelleiro de obras, subliñou tamén “o compromiso do Concello para continuar traballando en proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza fenesa” e adiantou que nos próximos días comezarán “outras obras relevantes para o día a día que xa foron licitadas”.

Investimentos con cargo ao POS+

Boa parte dos investimentos proxectados polo Concello de Fene fináncianse con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña. Así, o proxecto de mellora do entorno do Campo de Fútbol de Perlío e Camiño de Loira vai con cargo ao POS+2022, e o de mellora dos camiños Castro e Beiramar ao POS+2023 Complementario.

Ademais, o Concello de Fene tamén levou a cabo investimentos con fondos propios na zona para substituír as canalizacións de saneamento e abastecemento, debido ao mal estado no que se atoparon no momento de proxectar as obras.